O centro de Lugo, a antiga Lucus Augusti, está rodeado por unha Muralla romana de 2.266 metros de circunferencia. Esta impresionante fortificación, unha das máis grandes do seu tempo, ergueuse entre finais do s. III e comezos do s. IV durante tempos críticos para a cidade desde o punto de vista político e militar. Ademais, é a única que conserva íntegro o seu circundo nos tres continentes polos que se estendeu o territorio do Imperio Romano.
Por esta razón, o 2 de decembro do ano 2000 a UNESCO inscribiu oficialmente a Muralla de Lugo na lista de monumentos declarados Patrimonio Mundial.
A Muralla estaba coroada por 85 grandes torres semicirculares, medían entre dez e trece metros de diámetro, e estaban elevadas sobre o adarve con grandes fiestras en cada unha. Destas torres hoxe só se conservan 71 cubos ao nivel do adarve, agás un resto da Mosqueira que está por riba deste nivel. Tiñan acceso desde o interior da cidade por unha escaleira aberta a media altura na muralla, á que se chegaba a través dunha escada de madeira.
O espesor medio dos muros era de seis metros, e o adarve, o paseo superior, que agora está entre os oito e os doce metros por riba do chan exterior, daquela quedaría a unha altura máis regular e pénsase que tiña ameas entre as torres. Ademais, había fosos duns vinte metros de ancho e cinco de fondo que dificultarían a aproximación de máquinas de asedio e a escavación de minas (única posibilidade de tomar a cidade).
Así era a Muralla romana da bimilenaria cidade de Lugo. Dezasete séculos pasaron e a súa función militar caducou, as torres foron caendo (agás o resto da Mosqueira), abríronse portas novas, a poboación estendeuse por fóra, pero o circundo consérvase completo e os 71 cubos conservados danlle a esta tremenda fortaleza o seu carácter inconfundible.
Hoxe, as súas dez portas (cinco antigas e cinco novas) unen o recinto antigo co ensanche da cidade. O adarve -que ten unha anchura duns catro metros- é un paseo tradicional extraordinario, considerado unha rúa máis de Lugo, ao que se accede por escaleiras unidas ao paramento interior. De día é o mellor miradoiro sobre a cidade vella; de noite, grazas a unha discreta iluminación, é un poético paseo con moito de misterio.
Os romanos construíron a Muralla con laxes de lousa e bloques de granito, materiais moi abundantes na área de Lucus Augusti. Pero o núcleo da obra é un morteiro fabricado con terra, pedra solta e cantos, e cementado con auga. Os construtores da Muralla atoparon na lousa un elemento semellante aos seus tixolos de cerámica, e empregaron o granito, sobre todo para reforzar as torres que flanqueaban as portas.
A Muralla formaba parte dun auténtico complexo defensivo integrado por un foso, a propia Muralla e o intervallum.
A topografía do terreo e o foso eran os primeiros elementos defensivos que se debían salvar durante o asedio. O foso que atopamos en Lugo é o único exemplo de construción de fosos de Hispania. O seu trazado é paralelo á Muralla.
A existencia do foso puido documentarse en 1987. Está separado dos cubos da Muralla uns 5 metros, ten unha anchura duns 20 m e unha profundidade media de 4 metros con respecto ao solo orixinal.
O último obstáculo que debería salvar o asaltante, tras o foso e a Muralla, sería o intervallum. Complementario das outras dúas defensas, estaría xa dentro do recinto. Constitúe un espazo comprendido entre o paramento da Muralla e a primeira liña de edificacións urbanas, que constituirían a última defensa posible.