O Camiño Primitivo

O Camiño Primitivo entra no municipio de Lugo por Gondar, onde houbo hospital de peregrinos, hoxe transformado en casa de labranza. A continuación veñen as parroquias de Bascuas e Carballido, onde a paisaxe e a arquitectura popular seguen seducindo o camiñante.

Entrando xa na cidade, o camiñante contempla asombrado a impoñente muralla romana que lle ofrece protección no difícil andar cara a Santiago, franquéase a Muralla pola porta de San Pedro que nos remite á máis tradicional historia da cidade, pois aquí naceron as festas de San Froilán, declaradas Festa de Interese Turístico Nacional no 2006. A rúa de San Pedro dá paso á praza Maior, onde destaca o pazo do Concello, xoia do barroco civil galego. O Camiño continúa cara á Catedral, onde os peregrinos e peregrinas se detiñan para orar ante o Santísimo Sacramento.

Saíndo da cidade pola Porta Miñá, a máis antiga da muralla, o camiño diríxese polo Camiño das Hortas e a calzada da Ponte cara ao río Miño. Antes de atravesar a primitiva ponte romana, que cruza o río, pode visitar as Termas Romanas, dentro do Hotel Balneario. Tras pasar a ponte, chegamos ao barrio de San Lázaro, onde se conserva un antigo lazareto.

Desde aquí, as paisaxes do río son asombrosas en calquera estación, despois a paisaxe vai cambiando. Entramos xa en terras do Mera, prados, bosques e granito. O Burgo é unha aldea singular, pola boa arquitectura das súas casas, unha das cales era hospital de peregrinos. A grande igrexa parroquial é unha das máis espléndidas do barroco galego rural.

Un pouco despois, a uns tres quilómetros da ruta, é obrigado facer un pequeno desvío para visitar o magnífico templo de Santalla de Bóveda, monumento nacional desde 1931. Suponse que a súa forma orixinal data do s. IV; pode ter sido unha casa de baños ou un templo pagán; máis tarde serviría como igrexa cristiá. As súas pinturas murais tardorromanas son das máis interesantes da península.

De regreso ao Camiño, chegamos ao lugar de Bacurín, veremos a igrexa románica de San Miguel e un pazo cunha impresionante portada de acceso.

E o peregrino sairá do municipio de Lugo polos belísimos camiños da parroquia de Mera.

Síguenos en: